
EuroCom: Un camiño cara
ao plurilingüismo en Europa
EuroComRom: As sete
peneiras
Unha entrada plurilingüe
no mundo das linguas románicas
1. Introdución
1.1 Diversidade e riqueza lingüística en Europa
Europa vive actualmente un proceso de intercambio
e de contactos mutuos na circulación de mercadorías e de persoas, así como no
dominio da comunicación e da información nos medios da comunicación social; é
un fenómeno que ata agora non se dera nunca –nin mesmo durante o Imperio Romano
ou na Idade Media 'internacional'–. As comunidades lingüísticas europeas
aproxímanse cada vez máis e o que cada persoa sabía de maneira moi xeral sobre
o plurilingüismo tórnase nun contacto concreto con cada vez máis europeos de
procedencia diversa falando outra lingua. A comunicación improvisada a través
dunha lingua terceira, vehicular, que crea certa distancia, non pode satisfacer
a necesidade de profundar nestes contactos, xa que ningún dos falantes nesta
comunicación se expresa na súa lingua-materna ou na do seu interlocutor, co cal
ninguén vai dar un paso en dirección ao outro.
O cidadán europeo é cada vez máis consciente da importancia das respectivas
linguas-maternas como medio de aproximación aos outros. A opinión pública
considera, no entanto, excesivo o tempo que hai que investir na adquisición de
coñecementos suficientes que fagan posible a comunicación nas diferentes
linguas dos cidadáns europeos cos que se está en contacto máis estreito. Por
iso acotío se renuncia –naturalmente a contragusto– a unha auténtica diversificación
das linguas.
É verdade que as nacións das comunidades
lingüísticas de Europa subliñan sistematicamente canto amor e respecto teñen
pola súa lingua-materna, mais logo recúan cando se trata de introducilas e
implantalas nas escolas europeas, cunha base da reciprocidade. A comunicación
profunda entre os europeos vese así obstaculizada. A libre circulación das
persoas e a súa instalación nos países veciños permanece fortemente limitada en
función da falta de preparación a través dun ensino lingüístico diversificado.
1.2 EuroCom multilingüe
O obxectivo da nova estratexia EuroCom consiste en facer posible que os
europeos accedan ao plurilingüismo de maneira realista, ou sexa:
·
sen
incrementar do esforzo de aprendizaxe, é dicir, reducindo o esforzo;
·
sen esixir
unha competencia maximalista, isto é, recoñecendo o valor dunha competencia
parcial para fins de comunicación.
EuroCom concíbese como complemento necesario á oferta do ensino de linguas
nas nosas escolas. As máis das escolas europeas transmite, certamente,
competencias nunha lingua estranxeira con éxito variable (o inglés, na maior
parte das veces) e ata nunha segunda lingua para algúns (o francés ou o
alemán). Pero así non se atinxe un plurilingüismo que se apoie na complexidade
e na riqueza lingüística de Europa e que poida conducir a unha verdadeira
competencia paneuropea.
EuroCom concíbese como un complemento á oferta tradicional de aprendizaxe
de linguas, mais pode servir igualmente como proposta para unha reforma que
facilite a aprendizaxe de linguas de maneira fundamental.
Atrancos
O principal atranco perante unha competencia plurilingüística máis ampla é
de natureza psicolóxica e está intimamente relacionado coa motivación. Non é un
problema de aptitude ou de intelixencia, nin sequera é unha cuestión de economía de tempo. O atranco principal é
duplo: primeiro, responde ao feito de o individuo temer o esforzo de
aprendizaxe, e logo, está directamente relacionado coa idea de que a opinión
pública non considera o plurilingüismo como o caso normal, senón como unha
excepción.
EuroCom proponse diminuír radicalmente o medo a un esforzo excesivo de
aprendizaxe, así como eliminar a barreira mental existente sobre todo nos
grandes Estados, presuntamente monolingües. A sociedade e os sistemas escolares
de tales Estados teñen tendencia a considerar o plurilingüismo como sinal
característico de subdesenvolvemento. Este prexuízo, que pasa case
desapercibido e que é contrario ao que parecería lóxico, debería ser refutado
por explicacións claras e distintas.
A Unión Europea, xunto cos gobernos rexionais e suprarrexionais podería
exercer unha influencia positiva contra os prexuízos relativos ao
plurilingüismo e ata mesmo erradicalos. Con todo, un programa para as linguas
europeas non poderá facerse efectivo sen que a dificultade de acceder a outras
linguas sexa reducida de modo significativo. Tal é o propósito de EuroCom.
O inicio
No paso dunha lingua coñecida a outra, o comezo –o primeiro contacto
realizado coa intención de aprender esta lingua–é o momento determinante; é un
momento decisivo no que se concentran as angustias, os medos e as resistencias.
Unha estratexia que puidese ofrecer unha solución na cal non houbese esforzo de
aprendizaxe, polo menos nun primeiro estadio, sería a condición previa para un
éxito realista e pragmático nun programa de aprendizaxe das linguas europeas.
EuroCom ofrece esta posibilidade.
Na fase inicial EuroCom proponlles aos estudantes unicamente cousas
simples, ou máis exactamente, aquilo que os aprendices xa saben, pero que ignoraban
saber. A experiencia proba que se atinxe así unha motivación moi elevada para o
inicio da aprendizaxe: a intención didáctica e psicolóxica do noso método de
aprendizaxe consiste, en efecto, en demostrarlles e probarlles aos estudantes
que eles xa saben moitas cousas que non sospeitaban –coa finalidade de espertar
neles a autoconfianza no momento da abordaxe da nova lingua–. Os estudantes
decátanse, en primeiro lugar, de todo o que xa non teñen que aprender. Ven as
vantaxes que poden obter a partir do capital lingüístico de que dispoñen, pero
que aínda non concretaron verdadeiramente e do que deben tirar partido para o
investir nunha nova lingua. Ven igualmente que de non reinvestilo, o beneficio
acabará por perderse a longo prazo.
EuroCom receptivo
Seguimos unha estratexia que renuncia, en principio, a esixir habilidades
de produción lingüística oral e escrita activas e concentrámonos na fase
inicial, nas habilidades lingüísticas receptivas –a comprensión da escrita–.
Fóra da infancia, a competencia lectora é o fundamento máis doado e máis sólido
para o desenvolvemento posterior da competencia de comprensión oral, da
produción oral e da expresión escrita. Alén diso, dada a importancia crecente
da escrita, a competencia lectora está en vías de asumir un valor cada vez
maior. O proceso de información e de decisión baséase cada vez máis en
documentos escritos. Mesmo xa é posible, co ordenador, transcribir electronicamente a voz humana a
texto, e o usuario preferirá sempre o texto escrito que pode captar con moita
máis rapidez.
1.3 Ningunha lingua
estranxeira é unha terra absolutamente descoñecida
O ensino convencional de linguas produce no estudante a impresión
desmotivadora de que comeza a aprendizaxe a partir de cero, sendo un neófito
absoluto. EuroCom, en troques, comeza por mostrar todo aquilo que xa pode
descifrar nun texto utilitario desta nova lingua. EuroCom activa rapidamente as
competencias existentes mais non exploradas. Pescudar os elementos comúns
naquilo que nos parece que é estranxeiro pasa por dúas bases lingüísticas:
1.
o parentesco
existente entre as linguas,
2.
o léxico
internacional, cunha base común en amplos sectores da vida moderna e das
linguaxes especializadas.
A primeira base é prioritaria porque, a maiores do léxico, permite detectar
os elementos coñecidos na estrutura lingüística da nova lingua, nos sons, na
morfoloxía, na formación e estrutura das palabras ou na sintaxe.
A dedución optimizada
Procurar elementos coñecidos no que nos é
descoñecido é un proceso que se deriva da capacidade humana de transferir
experiencias vividas, significados e estruturas coñecidas a novos contextos.
EuroCom adestra o estudante a recorrer permanentemente a esta capacidade no
momento de pasar a unha nova lingua. O obxectivo é a mellora a capacidade de dedución.
Pero ao facer isto, non se lle pide ao estudante nada que el non saiba xa; debe
unicamente aproveitar o mellor posible aquilo que xa posúe e xa sabe. EuroCom
fornece todas as axudas necesarias para que, cun mínimo de esforzo de
aprendizaxe, acade un máximo de dedución axeitada. EuroCom ofrece a cadaquén a
posibilidade de autoaxuda.
En oposición ao ensino tradicional de linguas estranxeiras, onde só se
trata de se os resultados son correctos ou falsos e onde todo o que non sexa
completamente correcto será considerado sen valor, e ten que ser corrixido, no
método EuroCom calquera acto
comprensión aproximadamente correcta ten o seu valor. Isto é extremadamente
importante para a motivación.
Dunha maneira xeral, no EuroCom consideramos que todo o que leva a deducir
o sentido global e permite unha comunicación mínima efectiva é xa unha
prestación importante. Isto pode motivar o estudante a procurar unha corrección
positiva, así como un adestramento suplementario. Os erros non son simplemente
incorreccións. A maior parte de erros e deducións equivocadas son froito de
accións intelectuais coherentes e lóxicas. É indispensable que esta parte sexa
desenvolvida de forma motivada e valente; os estudantes deben empregar cada vez
máis as deducións sen medo a enganarse.
Todo aquilo que xa sei
A estratexia EuroCom organiza os dominios nos cales se poden recoñecer
elementos coñecidos de cada lingua nova sempre que esta pertenza á mesma
familia ou ao mesmo tipo de linguas. Son sete ámbitos que chamaremos as sete
peneiras. O método será mostrado deseguido cun exemplo da familia das linguas
románicas (EuroComRom), mais o
mesmo modelo pode ser aplicado á familia das linguas xermánicas(EuroComGer) ou
eslavas (EuroComSlav).
Durante os sete procesos de filtrado, o estudante vai seleccionando
información lingüística, como o buscador de pebidas de ouro no curso dun río.
El saca da nova lingua todo o que xa lle pertence, porque dispón deses
elementos na lingua que coñece. Despois de ter peneirada sete veces a lingua á
procura de elementos coñecidos, verifica que un texto de xornal na nova lingua
(por exemplo, no campo da política internacional) é doado de entender no que
toca ás informacións esenciais. Partindo destes datos, decátase de que pode
comprender o sentido das outras partes do texto cunha boa aproximación.
A división sistemática en sete dominios diferentes faise por razóns
didácticas. O estudante debe ser consciente de cales son os ámbitos que lle
aseguran unha comprensión efectiva. Na xerarquía dos diferentes dominios, ás
posibilidades de recoñecemento evidentes e inmediatas sucédense as
posibilidades que esixen unha ollada máis vixilante e un pequeno exercicio.
Tras a fase didáctica inicial, o traballo práctico de exploración e comprensión
do texto deberá recorrer de xeito simultáneo e sen orde xerárquica ás sete
peneiras indistintamente, de acordo coas esixencias do texto.
1.4 As sete peneiras
Coa primeira peneira extráese da nova lingua o vocabulario internacional
[VI]. Este léxico foi creado para todas as linguas no desenvolvemento moderno
da vida humana e do pensamento. Élles común a todas elas e apóiase en boa
medida nunha base latino-románica, o que favorece moito as linguas románicas
nesta primeira peneira. Un adulto posúe preto de 5000 destas palabras, sendo quen
de recoñecelas sen esforzo noutras linguas, xa que en xeral se atopan
modificadas moi lixeiramente. O vocabulario internacional, á par dos nomes de
persoas e de institucións internacionais comúns, así como termos xeográficos,
etc., forman a parte do texto que nun artigo de xornal (por exemplo, de
noticias internacionais) pode ser comprendida inmediatamente. Este vocabulario
é, doutra banda, moi frecuente e claramente maioritario neste tipo de texto.
Coa segunda peneira fíltrase o vocabulario específico común á familia das
linguas románicas: o léxico panrománico [VP]. Esta peneira móstranos como o
coñecemento dunha soa lingua románica representa xa unha porta aberta a todas
as outras linguas da mesma familia. Os estudantes que xa teñan investido nunha segunda
lingua románica poden de aí tirar beneficio para a aprendizaxe doutras linguas
románicas. Preto de 500 palabras do noso pasado latino común existen aínda hoxe
no vocabulario básico da maioría das linguas románicas.
É só coa terceira peneira que serán utilizados os parentescos léxicos de
maneira estratéxica: a través do recoñecemento das correspondencias fonéticas
[CF]. Numerosas palabras, de uso frecuente, non son facilmente recoñecibles a
primeira vista porque experimentaron modificacións fónicas diferentes. O método
EuroCom pon a disposición do aprendiz todas as formas de correspondencia dos
fonemas para que poida recoñecer facilmente o parentesco da palabra e, deste
xeito, o seu significado. As descubertas que cada estudante fai no contacto
cunha lingua emparentada son sistematizadas por un número restrinxido de
correspondencias entre fonemas. O estudante pode, así, analizar inmediatamente
unha cantidade de evolucións históricas e recoñecer a palabra na súa nova
roupaxe, mobilizando poucos esforzos de aprendizaxe e partindo, en cada caso,
dun exemplo preciso; sabendo que 'noite' corresponde ao francés 'nuit', ao
español 'noche' e ao italiano 'notte', pódese deducir que ao termo 'leite'
corresponde 'lait' en francés, 'leche' en español e 'latte' en italiano.
A cuarta peneira refírese ás grafías e as
pronuncias [GP]. As linguas románicas utilizan certamente as mesmas letras para
transcribir os máis dos fonemas; algunhas solucións ortográficas, no entanto,
son mesmo así diferentes e impiden o recoñecemento inmediato do parentesco da
palabra e do seu sentido. EuroCom sistematiza as diferenzas adoptadas por cada
lingua nun cadro sinóptico e demostra a lóxica da convención ortográfica,
resolvendo así as dificultades de comprensión resultantes da diversidade de
grafías. Abonda con que o estudante preste atención, unha única vez e de forma
consciente, a un número limitado de fenómenos. Paralelamente, algunhas
convencións de pronuncia tórnanse transparentes e son utilizadas para demostrar
o parentesco entre termos: descóbrese daquela que palabras escritas de xeito
diferente poden ser idénticas respecto á súa pronuncia.
A quinta peneira aproveita a vantaxe de que en todas as linguas románicas
os nove tipos de estruturas sintácticas panrománicas [SP] son fundamentalmente
idénticos. A persoa que é consciente deste feito, poderá medir inmediatamente
ata que punto os seus coñecementos sintácticos dunha lingua románica lle van
servir de axuda para situar a posición dos artigos, dos substantivos propios e
comúns, dos adxectivos, dos verbos e das conxuncións nas outras. Mesmo nas
numerosas oracións subordinadas (relativas ou condicionais), a posición
sintáctica das palabras é transparente dabondo. Partindo destas estruturas
sintácticas panrománicas, pódese illar facilmente as singularidades de cada
lingua e facelas transparentes coa axuda dunhas poucas indicacións.
Coa sexta peneira, EuroCom pon á disposición do
estudante unha fórmula básica para entender os elementos morfosintácticos [MS],
coa cal se pode chegar ao mínimo común denominador das diferentes palabras
gramaticais ou terminacións de palabras (por exemplo, como recoñecer unha
primeira persoa do plural nas linguas románicas). Deste xeito facilítase a
comprensión das estruturas gramaticais. Os elementos morfosintácticos son os
elementos máis frecuentes dun texto, de aí que o seu recoñecemento sexa moi
útil.
A sétima peneira consiste nunha lista de prefixos e sufixos [FX]. Permite a
análise de palabras compostas separando a raíz dos afixos. Chega con
lembrar un pequeno número de prefixos e
sufixos latinos e gregos para poder descodificar unha morea de palabras.
A través das sete peneiras de selección, o estudante verificará que dispón
dun gran repertorio de elementos xa coñecidos no dominio léxico e gramatical dunha
lingua románica. E isto pódese aplicar a varias linguas dunha soa vez. O mérito
de EuroCom é aquí estratexicamente decisivo: non hai un progreso penoso dunha
lingua a outra e logo á seguinte, pois, mercé a un esforzo único, a porta
ábrese ao mesmo tempo para todas as
linguas. Así, por tanto, xa non é vantaxoso nin económico renunciar ao
obxectivo de coñecer moitas linguas. Pola contra, restrinxir a aprendizaxe a
unicamente unha lingua sería sinónimo de desperdicio de coñecementos e de
información.
1.5 As diversas linguas
en particular
Na segunda fase da estratexia EuroCom, o estudante é incitado a abandonarse
un pouco máis á súa motivación persoal e a establecer centros de interese
particulares na familia das linguas filtradas polas sete peneiras.
EuroCom propón breves retratos de seis linguas románicas, faladas en total
por case un billón de persoas. Estes breves retratos, coa axuda das sete
peneiras, van facer que o saber lingüístico mobilizado se torne sistemático,
completándoo.
O breve retrato comeza con indicacións relativas á implantación xeográfica
da lingua e ao número de falantes. Permite unha visión de conxunto do
desenvolvemento histórico desde as orixes ata os nosos días, indica os
dialectos máis frecuentes e as variantes.
A parte máis importante é un resumo que presenta de maneira condensada as
particularidades típicas, idiosincráticas, de cada lingua, moi especialmente: a
pronuncia, a ortografía e a estrutura das palabras. Deste xeito, as impresións
auditiva ou gráfica que, ás veces, o estudante non integra senón de maneira
difusa, son explicitamente formuladas e feitas conscientes. A lingua fica entón
claramente diferenciada en relación ás outras linguas emparentadas, para que no
estudante se debuxe con nitidez, sobre o fondo do parentesco e da semellanza
das linguas evocadas polas sete peneiras, a particularidade de cada unha delas.
Esta caracterización é seguida dun mini-léxico coas diferentes categorías
de palabras (mini-gramática incluída) no cal se propoñen de forma sistemática
os 400 elementos léxicos máis frecuentes: numerais, artigos, preposicións,
nomes comúns máis importantes, adxectivos, conxuncións, adverbios de lugar, de
tempo e de cantidade e ata os 20 verbos máis frecuentes nas súas formas
regulares e irregulares. Así, atoparanse listadas sistematicamente as palabras
accesibles polas sete peneiras. Serán completadas polas palabras frecuentes e
importantes que eventualmente só aparecerán nunha das linguas. Nun léxico
alfabético final aparecen, pois, as palabras estruturais de cada lingua, que
representan do 50 ao 60% dun texto corrente. Nesta lista estarán destacadas as
palabras que non puideron ser adquiridas durante as sete peneiradas e para as
cales se recomenda unha atención especial. Por sorte, estes particularismos
constitúen un grupo reducido de termos, aínda que sexan frecuentes (preto de 12
palabras por lingua).
Os breves retratos das linguas son presentados intencionalmente dunha forma
concentrada e sintética: preténdese cun mínimo de input na aprendizaxe (preto de 12 páxinas por lingua), chegar á
obtención dun máximo de output para a
comprensión de textos escritos.
Con este método e o conxunto de informacións
estratéxicas que proporciona, o estudante dispón dunha base sólida para o
desenvolvemento da súa competencia receptiva, competencia que pode aumentar
rapidamente coa lectura de textos diversos. Iso facilitará o paso á recepción
de textos audio e ao tempo poderá motivar a expresión oral dunha maneira ou
doutra. Con todo, é preciso subliñar que a adquisición dunha boa competencia
receptiva de varias linguas representa en si mesmo un obxectivo fundamental
para a cultura europea.
1.6 EuroCom como manual
de aprendizaxe
O EuroCom pódese empregar como manual de aprendizaxe nas universidades,
institutos e escolas de idiomas, baixo a supervisión de profesores que se
dedicaron ao ensino de linguas estranxeiras diversas. É un complemento aos
materiais e manuais existentes para a aprendizaxe das linguas que cada
estudante poderá utilizar segundo as súas necesidades. En principio este libro
pode ter unha función introdutoria en relación aos manuais convencionais de
aprendizaxe das diferentes linguas. Os cursos de linguas individualizadas
pódense así acelerar e simplificar. O tempo que se gaña pódese investir na
aprendizaxe doutras linguas.
O profesorado non ten necesariamente que saber
todas as linguas tratadas; chega con empregar a estratexia EuroCom para a
abordaxe de cada nova lingua; situarase así perante o desafío, xunto cos outros
estudantes, de descifrar un texto na nova lingua. Neste sentido, a utilización
deste manual é igualmente interesante para grupos sen profesor na medida en que
os participantes de varios dominios lingüísticos se complementan como expertos
nas diversas linguas. No caso de que este libro se empregue na autoaprendizaxe,
cumprirá utilizar medios auditivos para acceder á pronuncia correcta de cada
unha das linguas.
1.7 Aprendizaxe de
linguas e motivación
A utilización sistemática das semellanzas entre linguas é unha estratexia
que ata agora se utilizou pouco para acceder ao plurilingüismo. Co emprego
desta estratexia EuroCom facilita así o proceso de aprendizaxe. Pero do mesmo
xeito, tamén a motivación persoal e subxectiva será decisiva. Un terreo
favorable para o plurilingüismo dependerá da medida en que as experiencias
anteriores coa aprendizaxe das linguas tivesen sido coroadas de éxito ou
fracaso. Por iso, antes de comezar a traballar con EuroCom deberemos
reflexionar sobre as angustias e os prexuízos que rodean o plurilingüismo para
eliminar as barreiras subxectivas.
As cinco angustias
Nos países onde non se ten o hábito do multilingüismo, atopámonos sobre
todo con cinco tipos de angustia, ou con factores desfavorables á motivación do
individuo, que dificultan o acceso a outras linguas. Cómpre ser consciente
destas angustias para as desactivar mellor e, no caso de se tratar de
argumentos simplemente falsos, é preciso refutalos.
1. «Son demasiado vello. Unha lingua só se pode aprender de pequeno»
Esta perspectiva subestima a capacidade de aprendizaxe dos adultos. Ao
contrario, cómpre ter consciencia de que as vantaxes de que dispón un neno
(moito tempo, moita enerxía lúdica para identificarse coa lingua que é
necesario aprender) son, como mínimo, amplamente compensadas polo saber e pola
experiencia que o adulto trae consigo. Un adulto pode obter en numerosos
dominios unha progresión moito máis rápida na aprendizaxe do que un neno, sobre
todo cando se debruza intensamente sobre o seu obxecto de estudo e se atopa
abondo motivado para aprender a nova lingua. No adulto, o feito de escoitar
atentamente e de pronunciar correctamente está igualmente ligado á súa
actitude, á confianza en si mesmo e á disposición en querer inserirse moi
rapidamente noutro ambiente lingüístico.
2. «Non estou dotado para as linguas» Non existen persoas
non-dotadas para as linguas (salvo en caso de perturbación cerebral): cada ser
humano aprendeu a súa lingua materna; pode, da mesma forma, aprender outras.
Decote esquecemos que a adquisición da lingua materna foi un proceso moi complexo
e moi longo e que, en relación a iso, a adquisición dunha lingua suplementaria
é ás veces extremadamente rápida. O que se agacha tras a desculpa «non estou
dotado para as linguas» é xeralmente unha motivación desfavorable, unha falta
de disposición e de forza de vontade para adaptarse a unha nova situación.
3. «Vou mesturar todo ao aprender unha lingua próxima á miña lingua
materna. Teño medo das interferencias» Atrás desta interpretación negativa
do paso dunha lingua a outra coa que estea emparentada, agáchase a idea de que
na cabeza non hai lugar para moitas linguas. Pero, tal como acontece con outras
facultades humanas, para as linguas é igualmente verdade que cantas máis
linguas se aprenderon, máis facilidade se ten para aprender outras novas.
No que fai á interferencia lingüística, cómpre ser consciente da vantaxe
que supón poder recoñecer inmediatamente as palabras dunha lingua estranxeira
sen grande esforzo de aprendizaxe, mercé á súa semellanza coas doutra lingua.
De reflexionarmos sobre a dificultade de mesturar as nosas linguas europeas con
linguas como o árabe ou o xaponés –coas que non hai practicamente ningún lazo
de parentesco entre as palabras–, repararemos claramente na enorme vantaxe que
nos ofrece a posibilidade de 'mesturar' linguas e aceptaremos agradecidos a
incerteza inicial relativa á forma precisa da palabra. Por outra banda, é
importante non esquecer que a medida en que o contacto coa nova lingua se vai
intensificando, desenvólvese progresivamente unha percepción –intuitiva pero, ao
tempo, moi clara– que permite distinguir cales son as palabras, as estruturas e
os sons que pertencen ás respectivas linguas. De novo, pagará a pena subliñar
que no principio da aprendizaxe dunha lingua é moi agradable poder ser
auxiliado por outras linguas próximas; e iso non é un atranco, senón unha gran
vantaxe.
4. «Se aprendo unha nova lingua, arríscome a perder as outras
linguas estranxeiras que sei» Durante a aprendizaxe dunha nova lingua,
prodúcese unha adaptación total ao novo medio, sobre todo se a persoa se atopa
no país en que se fala esa lingua. É normal que non se poida pasar de inmediato
a unha lingua aprendida anteriormente cando se está a aprender con intensidade
outra lingua. Quen sexa consciente deste fenómeno debe manter unha actitude relaxada
e, logo dalgúns minutos reparará en que a conversa dubidosa e insegura volve
ser fluída. Isto é igualmente válido para as linguas que non practicamos
durante un certo tempo. Quedan en situación “de reserva” no noso cerebro. Só é
preciso un bo estímulo para reactivalas.
O que si é importante é que a persoa non se deixe bloquear polo medo. Cando
se reprende o encontro cunha lingua xa coñecida, a persoa débese conceder unha
boa dose de confianza. É preciso estar convencido de que as competencias
lingüísticas adquiridas anteriormente estarán axiña dispoñibles no contexto
dunha conversa ou dunha lectura intensiva.
5. «Non me atrevo a falar unha lingua en canto non a saiba correctamente»
Atopámonos aquí no quinto estadio das angustias que supón a aprendizaxe das
linguas, ou sexa, a manía da perfección. A idea de que unha lingua só poderá
ser empregada cando sexa falada ou escrita de forma absolutamente correcta
bloquea cada tentativa de uso lúdico e experimental. A escola, cos erros
subliñados en vermello, as notas e os castigos, esquecendo os encoraxamentos,
inculcounos esta tendencia de autocensura e autopunición. Cómpre a liberación
de todas estas forzas para poder entrar de xeito relaxado e motivado nunha nova
lingua. Na escola, a utilización da lingua está regulamentada polas notas; así,
evitar os erros é unha cuestión de supervivencia. En cambio, de orientármonos
cara á competencia comunicativa, calquera enunciado, por defectuoso que sexa, é
eficaz sempre que o interlocutor chegue a comprender o significado aínda coa
axuda de preguntas subsidiarias.
O valor de falar cometendo erros e a adquisición de estratexias para a
autocorrección gradual é un bo camiño para acadar unha competencia cada vez
maior, partindo dunha competencia activa reducida.
A competencia perfecta nunha lingua estranxeira era considerada, en xeral,
un símbolo de formación superior, un factor de prestixio social. Moitas persoas
partían do principio que dominar unha lingua de forma defectuosa (pero
suficiente para a comunicación) denotaba falta de instrución, cultura
superficial e un nivel social baixo. Pero é ao contrario, cada competencia
lingüística suplementaria –aínda que se trate dunha competencia só lectora ou
dunha competencia verbal elemental ou mesmo defectuosa, representa un suplemento na formación, na
experiencia e no saber. Quen, por falta de competencia en lingua estranxeira e
por falta de vontade para experimentar, non fai erros, non posúe ese
suplemento.
Se somos conscientes de que levamos perfeccionando a propia lingua materna
durante a vida enteira, podemos autorizarnos a falar outras linguas para
experimentalas; ao primeiro con máis erros e logo, con máis perfección. A
necesidade de mellorar non ten que desmotivar a ninguén para comezar a empregar
unha nova lingua.
As cinco «angustias» aquí tratadas representan o
esencial dos atrancos subxectivos para a aprendizaxe das linguas, segundo as
respostas obtidas nunha enquisa
realizada a estudantes na Universidade de Frankfurt. Estes obstáculos
poden ser superados coa concienciación da irracionalidade destes medos e coa
teimosía na importancia da motivación. Alén diso, é preciso subliñar que de
centrármonos na adquisición de competencias receptivas, eses atrancos
practicamente non teñen importancia:
1.8 Os principios de
EuroCom: en que consiste a estratexia EuroCom?
Novas linguas que, en
realidade, xa coñecemos
O comezo é doado
O noso manual xunta para a fase inicial todo o que
é doado na nova lingua e evita así efectos negativos (resistencias, angustias,
medos) no principiante. Concéntrase na adquisición da competencia receptiva (a
lectura dun texto), proporcionando deste modo unha progresión rápida na
aprendizaxe. Os estudantes experimentan a velocidade con que poden comprender unha
lingua. EuroCom utiliza todos os efectos positivos para espertar e manter
esperta a motivación, é dicir, o pracer da curiosidade –o pracer de descubrir
como un detective–.
A economía da aprendizaxe é un tema para a autorreflexión. Preséntanse sistematicamente fórmulas
dunha utilidade múltipla e de grande eficacia. No canto de engadir sucesiva e
penosamente as linguas nun proceso de aprendizaxe que se demora a través de longos anos, accédese inmediatamente a un único
sistema lingüístico no que todas as linguas se poden relacionar pola
transferencia de significados de palabras ou de estruturas. Desde un punto de
vista da economía da aprendizaxe, ollar para todas as outras linguas da mesma familia de linguas é de
enorme importancia: restrinxirse a unha lingua tórnase un obstáculo e abrirse
ás outras é unha satisfacción. Así, o estudante escapa ao dilema escolar: que a
elección dunha ou de dúas linguas limite o acceso a outras.
Partindo do punto de vista da psicoloxía do ensino, EuroCom fornece unha
nova interpretación dos 'erros', dándolles o valor de resultados de dedución
parcialmente conseguidos que só cómpre mellorar. Así, ponse en evidencia o lado
positivo do raciocinio dedutivo. A finalidade é conseguir unha aprendizaxe sen
medo á sanción. EuroCom axuda á autoaxuda: con este método reflexiónase sobre a
aprendizaxe de linguas e apréndese a aprender. Acádase dese xeito seguridade e
créase o hábito de achegamento a novas linguas.
Unha utilidade práctica
desde o principio
A
competencia parcial receptiva que o estudante, con profesor ou sen el, pode
desenvolver, sempre de maneira autónoma, a través da lectura (e ocasionalmente
coa axuda dun dicionario) para obter coñecementos sólidos, tráelle desde o
inicio unha utilidade comunicativa real: a competencia receptiva permite ler
informacións en relación a ou procedentes do país na lingua orixinal. EuroCom
implica unha relación directa coa cultura do país, pois desde o inicio a
competencia receptiva conduce a coñecementos culturais ricos a través de textos
auténticos do país en cuestión. EuroCom forma expertos en lectura que xa non
dependen das traducións existentes.
Alén diso, a competencia da comprensión escrita é
para o estudante adulto a base máis simple para acadar rapidamente, a través
doutros medios unha competencia da comprensión oral. Esta competencia da
comprensión oral ha permitir posteriormente acceder ás informacións televisivas
de numerosos países. E tamén permitirá comprender directamente os europeos que
falen as súas linguas e formar parte da conversa na propia lingua materna de
os interlocutores teren adquirido tamén
a competencia receptiva da nosa lingua. Este xeito de conversa funciona moi ben
logo dalgúns minutos de familiarización e fai posible substituír a comunicación
entre dous interlocutores nun inglés deficiente. (O recurso a unha lingua
vehicular é aquí unicamente necesario se as competencias receptivas dos
interlocutores non tivesen contrapartida). Esta forma de comunicación en
linguas maternas podería constituírse como programa para todos os europeos, co
lema: «saber escoitar».
Efectivamente,
esta “comunicación en tándem” é o camiño máis doado para prepararse
para un uso activo dunha lingua e para comezar a falar esoutra lingua que se oe
permanentemente e que se comprende. Hoxe en día moitos europeos non saben a que
dominio lingüístico os conducirá a súa vida ou a súa profesión. Unha
competencia receptiva diversificada xa existente nunha ou en varias familias de
linguas vólvese rapidamente, en caso de necesidade profesional no país destinatario,
nunha competencia produtiva na lingua dese país.
Competencia lingüística
europea
Só
cando sexan tamén numerosos os europeos que coñecen as numerosas linguas
europeas, Europa se volverá verdadeiramente europea desde o punto de vista
lingüístico sen centrarse exclusivamente no inglés (ou un pouco no francés ou
no alemán). A experiencia das semellanzas e das diferenzas existentes nas
linguas europeas servirá de modelo de experiencia desta proximidade e
alteridade que vivimos simultaneamente en Europa. Así, a curiosidade e a
simpatía por aqueles que falan doutro xeito e que nos son estranxeiros pode ser
máis facilmente conciliada coa nosa propia identidade.
A adquisición doada dunha competencia receptiva no
interior da familia das linguas románicas é motivo suficiente para que a
experiencia se amplíe a outras familias de linguas (xermánicas ou eslavas). O
método EuroCom pode así adaptarse a outros grupos de linguas e de falantes: por
exemplo, EuroComRom para anglófonos, EuroComRom para falantes de linguas
románicas, EuroComGer para xermánicos. Finalmente, unha rede de manuais
EuroCom, con peneiras mutuas para as tres maiores familias de linguas europeas,
podería ser a clave para as linguas da maior parte dos 700 millóns de europeos.